Taller de realización: "Filmando con Víctor Erice"

Centro Cultural Marcos Valcárcel (Ourense)

 

O Centro Cultural Marcos Valcárcel coorganiza xunto con "La Plantación. Encuentros y Conocimiento", un taller de realización cinematográfico impartido polo recoñecido cineasta Victor Erice. Na presentación desta iniciativa participaron o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a directora de "La Plantación", Elisa Pereira; e o director do Centro Cultural, Francisco González Bouzán.

 

O vicepresidente da Deputación de Ourense sinalou a importancia desta iniciativa que "dará a coñecer a Ourense baixo as diferentes perspectivas de cada participante" e destacou "a sensibilidade que hai na provincia para a sétima arte". Así mesmo, Rosendo Fernández lembrou que o Centro Cultural "Marcos Valcárcel" é "unha canle de difusión cultural e un lugar de portas abertas á pluralidade, o que demostramos unha vez máis con este tipo de actividades".

 

Pola súa parte, Francisco González dixo que se trataba "dun taller ilusionante que supón ter durante dez días a un cineasta de gran proxección internacional traballando integramente en Ourense", e engadiu "é unha gran oportunidade para a cidade porque vai a ser o escaparate para cineastas de primeiro nivel".

 

Do 18 ao 27 de maio de 2017

 

En canto ao desenvolvemento do taller terá unha duración de dez días e irá dirixido a todas aquelas persoas que queiran expresarse a través do cine e que teñan coñecementos básicos de gravación de imaxe e son, ademais de edición. Será o director do taller quen realizará unha selección dos alumnos que participarán no mesmo, explicou Elisa Pereira.

 

Nas dúas primeiras xornadas do taller percorrerán a cidade para facer unha selección de localizacións e temas, e en base a eles, os alumnos poderán decantarse por un tratamento cinematográfico documental ou de ficción, segundo o criterio de cada un. A partir de aquí, cada alumno redactará o argumento do seu corto, e realizarán as gravacións nas seguintes xornadas, baixo a supervisión do director do taller.

 

O taller comezará o día 18 de maio e rematará o día 27 de maio coa celebración dun acto no Centro Cultural Marcos Valcárcel, no que se proxectarán os traballos realizados durante este taller.

 

Os interesados en participar xa se poden inscribir tendo de prazo ata o 7 de abril a través do correo info@laplantacion.info ou no número de teléfono 692958529. O prezo do taller é de 650€. Só hai 35 prazas.



Actividade: Taller de realización: "Filmando con Víctor Erice"

Data: Do 18 de maio ao 27 de maio

Lugar: Centro Cultural Marcos Valcárcel (Ourense). Rúa do Progreso

Horario: De luns a venres, de 11.00 a 14.00h. e de 18.00 a 22.00h; Sábados e domingos, de 18.00 a 21.00h.

Prezo: 650€.

© 2009 - TDLOU