Curso: Monitor de tempo Libre

Edificio de Facultades do campus universitario (Ourense)

 

2016 está a chegar ao seu fin e é o momento de pór en marcha as iniciativas que se desenvolverán ao longo do novo ano. A Escola de Tempo Libre Universitaria do Campus de Ourense e a Asociación Universitaria de Ciencias da Educación AUCE veñen de convocar unha nova edición do seu Curso de Monitor de Tempo Libre. A formación, que cada ano conta cunha elevada demanda de solicitudes, principalmente entre o alumnado da Facultade de Ciencias da Educación, desenvolverase durante as fins de semana entre o 27 de xaneiro e o 26 de marzo de 2017. As persoas que realicen este curso obteñen un título de monitores de tempo libre acreditado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia.

O curso, que consta de 350 horas, 200 delas teóricas e 150 prácticas, desenvolverase en diferentes escenarios do campus de Ourense os venres pola tarde e os sábados e domingos en horario de mañá e tarde. Os contidos que se abordarán nestas sesións abranguen todo tipo de actividades destinadas á animación sociocultural e do tempo libre, como xogos tradicionais, grandes xogos, veladas, rutas interpretativas, obradoiros de reciclaxe, actividades na natureza e deportivas, expresión musical e corporal, primeiros auxilios, educación para a saúde, animación á lectura, psicosocioloxía, educación en valores, lexislación e saúde ambiental, entre outras cuestións. 

Prazas e prezos

 

Como en anteriores edicións o número de prazas ascende a 25, prazas que soen esgotarse ao pouco tempo da súa convocatoria dado o interese que esperta debido ás oportunidades laborais que abre, tanto no verán como ao longo do ano, e ao seu formato. Os docentes encargados de impartir as sesións de traballo serán profesionais do mundo do tempo libre e alumnado que fixo as anteriores edicións do curso e que se implica habitualmente nas actividades das entidades organizadoras, co obxectivo de dinamizar a participación. 

Ao rematar este Curso de Monitor de Tempo Libre, os participantes obterán un título de monitores de tempo libre acreditado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e poderán non só a ser monitores de tempo libre para nenos e nenas, senón tamén para outro tipo de públicos, como persoas maiores ou con discapacidade. O custe da matrícula é de 150 euros, existindo a posibilidade de que se faga un pago de 120 euros e o resto se faga con moeda social, con 30 horas de participación en actividades de intervención social coas dúas entidades organizadoras, con AUCE e coa Escola de Tempo Libre Universitaria.


Fonte: DUVI Ourense



Actividade: Curso: Monitor de tempo Libre

Data: Do 27 de xaneiro ao 26 de marzo

Lugar: Edificio de Facultades do campus universitario (Ourense).

Prezo: 150€.

© 2009 - TDLOU