Peza do mes de setembro: "O recordo das xoias"

Sala San Francisco - Museo Arqueolóxico Provincial (Ourense)


O Museo Arqueolóxico de Ourense presenta a súa peza do mes de setembro: "O recordo das xoias", do pintor ourensán Ramón Parada Justel. A presentación será o mércores, día 12 de setembro, na Sala San Francisco e correrá a cargo da historiadora Belén Lorenzo Rumbao. A peza permanecerá exposta na sala durante todo o mes de setembro.


Esta obra é unha das pezas senlleiras da colección de belas artes do museo e un dos cadros máis coñecidos, reproducidos e aprezados no conxunto da produción do seu autor, o pintor ourensán e membro da xeración Doente, Ramón Parada Justel (1871-1902). Está datado en 1901, na fase final da vida do artista, quen falecerá o 13 de maio de 1902, con tan só 32 anos de idade. Nestes seus últimos anos, parada, xunto cunha constante e apaixonada dedicación á pintura, multiplica e diversifica a súa actividade. Sabemos que dende setembro de 1900 ocupa o cargo de profesor interino na escola de artes e oficios da cidade de ourense, onde imparte a materia de "Debuxo de figura, adorno, modelado e baleirado".

 

"O recordo das xoias", un óleo sobre lenzo de 151 x 117 cm, representa unha muller nova, atractiva e elegante, que se detén a contemplar, cunha expresión á vez nostálxica e introspectiva, o escaparate dunha xoiería. a figura aparece de perfil, nunha pose informal, sostendo un paraugas coa man esquerda mentres achega a dereita ao seu rostro. o tema afástase da espectacularidade e o melodramatismo dominante nas últimas exposicións Nacionais, reproducindo unha imaxe cotiá da vida urbana contemporánea, reflexo da nova burguesía emerxente, que resulta anovador e orixinal.

 

Parada revela un evidente interese por compor con intención narrativa os aspectos tomados da realidade e demostra a súa mestría e dominio técnico.Trata a pintura cunha pincelada áxil e cambiante, usando a mancha de diferentes empastes, unhas sen apenas materia e outras cargadas, grumos puntuais que tenden a reflectir as vibracións lumínicas e a reverberación das xoias e cristais sobre o fondo escuro. utiliza unha paleta cunha ampla gama cromática, destacando como nota central da composición a blusa branca da muller pola súa intensa luminosidade, en contraste cos negros da falda, os cálidos vermellos do sombreiro e os verdes que, como marco da figura, constrúen o escaparate.




Actividade: Peza do mes de setembro: "O recordo das xoias"

Data: Do 01 de setembro ao 30 de setembro

Lugar: Sala San Francisco - Museo Arqueolóxico Provincial (Ourense). Escolma de Escultura. Sala San Francisco (edificio anexo ao claustro)

Prezo: De balde.

Horario de visita da sala: Martes a sábado: 09.30 a 14.30 e de 16.00 a 21.00 horas; domingos: 09.30 a 14.30 horas. Luns : Pechado

Máis información: No teléfono: 988 230 430

 

Novas relacionadas

© 2009 - TDLOU